A Coral Xan Mella participou este pasado fin de semana no III Encontro
Internacional de Coros na vila portuguesa de Oliveira de Azemeis convidada polo
Orfeao de Loureiro e no que tamén cantou a Coral Calçada Romana de Alqueidao da
Serra de Porto de Mós.
O sábado saímos cedo de Baio e despois das habituais paradas en ruta
acomodámonos no Hotel Dighton (moi recomendable) para despois repoñer forzas no
Restaurante don Filipe a base de Bacalhau frito á liberdade, un auténtico
manxar.
Pola tarde fomos recibidos na Sede da Junta da Freguesía de Loureiro
onde despois dos parlamentos e agasallos de rigor convidóusenos a unha copiña
de porto e a un anaco de regueifa para ir “quentando voces”.
O concerto celebrouse nun Auditorio do Centro de Negocios de Oliveira
ateigado de xente e cunha acústica que brillaba pola súa ausencia. Así todo a
nosa coral baiesa foi moi aplaudida e felicitada polo público presente e os
compoñentes das outras corais despois de cantar un variado programa de
polifonía litúrxica, folclore internacional, pop, habaneras e cantigas galegas.
Ao remate, e xa cando os baieses se retiraban do escenario, o público púxose en
pe pedindo outra e a directora Tatiana Pankrátova mandou cantar un bis que non
foi outro que “Katiusha” co auditorio batendo palmas. Outro éxito dunha coral
orgullosa de levar o nome de Baio e do Concello de Zas alá onde vai.
Ao remate o Presidente da Cámara Municipal de Oliveira entregounos un
presente do seu Concello e o presidente da nosa asociación fíxolle entrega dun
prato de Sargadelos co escudo de Zas que lle enviaba o noso alcalde Manuel Muíño
escusando a súa ausencia.
Non faltou a festa post-concerto con moitas viandas e doces, moito viño
do Douro e moitas cantigas.
Grazas aos nosos amigos de Porto de Mós e de Loureiro, especialmente a
Margarida e Manuel, aos que esperamos ver e escoitar moi pronto por Baio.
Xa o domingo o dedicamos a turismo cultural e gastronómico a visitar a
vila de Aveiro, comer no Restaurante lusovenezolano de Nogueira da Reguedoura e
pola tarde pasear pola fermosa cidade de Porto.
Na organización desta viaxe-concerto colaboraron a Deputación de A
Coruña e o Concello de Zas.
A Asociación Pepe Valiña-Coral Xan Mella segue traballando: o próximo
evento será a organización do XI Festival de coros infantís e xuvenís da FECOGA
o sábado 12 de maio ás 7 da tarde na Igrexa nova de Baio. Xunto ao Coro Xoven
da ESMU Pepe Valiña participarán tres corais máis, unha por cada provincia
galega.
Seguiremos informando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario