Vistas de página en total

lunes, diciembre 18, 2017

Do XIV Memorial Pepe Valiña












            Coa igrexa nova ata a bandeira celebramos o pasado sábado en Baio o XIV Memorial Pepe Valiña ao tempo que cumpríamos tres lustros de levar as nosas cantigas por toda a xeografía galega, Asturias, León , Madrid e a veciña Portugal.
            Principiaron os máis novos: O Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña (que estreaba ponchos de liño vermello agasallo de Carme Riveiro e os Amigos do Liño e confeccionados pola nosa coralista Matilde Lavandeira) que arrincaron os aplausos máis fortes da noite sobre todo cunha estupenda interpretación do tema “María Soliña” acompañados ao piano por Martín Romero e á gaita por Pablo Queiro.
            A Coral de Luou-Teo tomou o relevo da rapazada baiesa e gustaron moito as súas interpretacións das cantigas “Fisterra” e “Boiadeiro”.
            En terceiro lugar actuou a Coral polifónica de Ferrol “A Magdalena” e foron moi aplaudidos o “Pater noster” de Kedrov e a panxoliña “Chiquirritín”.
            Os anfitrións fomos os encargados de pechar unha velada que se encadraba dento da Rede Cultural da Deputación de A Coruña. Habanera, panxoliña e cantiga galega foron  moi do agrado do público, pero foron os dous temas pop os máis aplaudidos: “Chiquitita” de Abba e o “Aleluia” de Leonard Cohen, acompañados  polos pianistas Nuria Vilariño e Pablo Queiro.
            Ao remate entrega dos agasallos pertinentes ás corais de fora por parte do Alcalde do noso Concello e do presidente da nosa Asociación Pepe Valiña e público e corais batendo palmas aos compases de “Katiusha” (se en Viena teñen a “Marcha Radetzky” non temos a nosa Katiusha para despedir o ano).
                A iniciativa "Danos a Lata" foi un éxito rotundo: o público colaborou coma nunca e máis de tres caixas de latas e produtos non perecedeiros serán doadas a Cáritas parroquial.
            E despois pantagruélico pincheo post-concerto onde non faltaron as cantigas de sobremesa e o acordeón de Xandro Calvo. E tamén aproveitamos para soprar as velas no 18 “aniversario inverso” do coralista e amigo Cándido Fuentes.
            Moitas grazas aos nosos amigos de Luou e Ferrol e Felices Festas de Nadal!

            
Que o ano 2018 veña cargado de ledicia e boa música!

No hay comentarios: