Éxito total. Non podemos cualificar doutro xeito o VIII Encontro de corais celebrado este pasado fin de semana en Baio.
Cunha Igrexa ateigada coma nunca as polifónicas do Liceo de Noia, do Rosal e a anfitriona Xan Mella ofreceron un concerto que fixo vibrar e emocionarse a un público entregado e que soubo premiar ás corais con numerosos aplausos.
Abriu a noite a Coral do Liceo de Noia dirixida por Domingo Barreiros da que gustaron moito o espiritual “No tardes Tom” e o tema “Dicen que se muere el mar”.
Toño Vicente dirixiu á Coral da Agrupación musical do Rosal (Pontevedra) que principiou co bolero “Sin ti” e rematou co “El menú” que nos deixou moi, pero que moi bo sabor de boca.
A nosa Coral Xan Mella (dirixida maxistralmente por Tatiana Pankrátova), adornada con garabatas e flores de Liño de Galicia, ofreceu o que para moitos dos presentes foi o seu mellor concerto na casa. Alfa e Omega do compositor borneirán Perfecto Varela, presente, principiou e rematou con dous temas de el: “De entrañas da terra” e “Habanera de Baio. Polo medio unha excelente interpretación de “Hijo de la luna” que levantou moitos bravos entre o respectable.
Broche final coa estrea mundial da “Habanera de Baio” e co público posto en pé aplaudindo un tema que, a petición dos asistentes, houbo que repetir.
A noite rematou cunha pantagruélica cea de confraternidade onde coralistas e convidados fixeron bo aquel dito alemán que di “Onde escoites cantar senta tranquilamente, os malvados non teñen cancións”.
Moitas grazas aos nosos amigos de Noia e do Rosal por compartir con nós unha velada tan agradable.
No hay comentarios:
Publicar un comentario