O vindeiro fin de semana do 8-9 de outubro a nosa Coral Xan Mella de Baio participará na capital do Principado de Asturias nun Encontro astur-galaico de corais convidados polos amigos da Coral polifónica do Centro Asturiano de Oviedo.
A nosa coral, dirixida coma sempre por Tatiana Pankrátova, presentará un programa moi variado con habaneras, canción galega, pop internacional e cantigas asturianas.
Os compoñentes da coral baiesa e acompañantes aproveitaremos tamén o fin de semana para coñecer a capital do principado: as Igrexas prerrománicas de Santa María do Naranco e San Miguel de Lillo, a Catedral de Vetusta, o Teatro Campoamor, Praza do paraugas e Parque de San Francisco. Tamén o turismo gastronómico está na nosa axenda: nas comidas non faltará a fabada asturiana, os escalopines ao cabrales e os típicos “frijuelos”
O Concerto será ás 20:00 horas do sábado 8 de outubro nas impresionantes instalacións que o Centro Asturiano de Oviedo (posiblemente a asociación máis importante da capital do Principado), ten no seu Club de Campo na ladeira do totémico Monte Naranco.
Á volta, se nos quedan folgos, temos pensado parar en Mondoñedo aproveitando que é o Ano de Cunqueiro ao cumprirse os cen anos do seu nacemento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario