Vistas de página en total

lunes, octubre 10, 2011

Do Concerto en Oviedo


Fin de semana fantástico en Oviedo. Saímos cedo de Baio e paramos a tomar o almorzo preto de Ribadeo, xa se notaban boas sensacións no grupo que foi espertando amodiño para xa poñerse a entoar algunha que outra cantiga co acompañamento de Oscar Moya á guitarra. Chegamos ao meiodía ao Hotel Husa Santo Domingo Plaza en Oviedo, sendo atendidos moi xentil e profesionalmente por Covadonga que xa tiña todo preparado para o noso acomodo. Despois de "repenicarnos" e deixar as cousas nos cuartos fomos á Calle Gascona (o Boulevard da sidra) co noso guía Armando Vizcaíno onde tomamos uns culines para "clarexar" as voces antes de comer. Comida suave e rica e despois da sobremesa uns decidiron visitar o prerrománico asturiano (San Miguel de Lillo e Santa María do Naranco) e outros... concentración-siesta-reflexión antes do concerto.
Éran as sete da tarde cando chegamos ás magníficas instalacións do Club de Campo do Centro Asturiano de Oviedo, ao pé do Monte Naranco, onde se ía celebrar o Encontro Astur-galaico de Corais. Quentar voces e relaxarse un pouquiño. Con puntualidade asturiana deu comezo o encontro polifónico cun salón de actos con tres cuartas partes de aforo que agradeceu o esforzo de directoras e coralistas ncun calor que semellaba ao inferno.
En primeiro lugar actuuaron os anfitrións do Coro do Centro asturiano de Oviedo dirixido por Patricia Miriam Martínez Iglesias que presentou un programa case que íntegramente de canción asturiana e deixou para o final unha magnífica interpretación da cantiga galega "O voso galo comadre" que foi moi aplaudida polo público asistente, entre eles unha nutrida presencia de galegos na capital do principado.
Despois a nosa Coral Xan Mella, sempre baixo a batuta de Tatiana Pankrátova, deixou o pavillón moi alto; principou co tema asturiano, agasallo para os anfitrións, "Como la flor" e continuou con habaneras en galego e castelán, o pop de "California dreamins", cantigas galegas e rematando cun "Katiusha" co público entregado e batendo palmas con moitas ganas.
Ao final os agasallos de rigor por parte dos presidentes das dúas agrupacións polifónicas e unha festa post-concerto na que non faltaron as cantigas nin o licor café galego.
Ao día seguinte, domingo pola mañá, visita guiada polo Oviedo antigo (Praza do Paraugas, Corrada do Obispo, Catedral, Praza do Pescado, Fontán,...) e comida típica asturiana onde non faltaron as fabes, nin o cabrales nin os "frijuelos"... tampouco a sidra.
Despois do xantar volta á terriña e parada en Mondoñedo para lembrarnos do cen aniversario do nacemento de Alvaro Cunqueiro. Na viaxe de volta todo foron risas e cantigas, non podía ser doutro xeito.
Un fin de semana redondo. Moitas grazas ao Centro asturiano de Oviedo, ao seu presidente Alfredo Canteli e, sobre todo, ao delegado coral Armando Vizcaíno. En non moitos sitios fomos tan ben tratados.
Nota: Na organización desta viaxe colaborou económicamente a 
Deputación de A Coruña. Moitas grazas.

No hay comentarios: