Vistas de página en total

lunes, noviembre 27, 2017

Do concerto en Cacabelos: A tope!

           
         De inesquecible podemos cualificar a xornada do sábado pasado por terras leonesas convidados polos amigos da coral Ecos de Bergida de Cacabelos aos que devolvíamos visita.
            Pola mañá visitamos o espazo da Moncloa de San Lázaro e, despois de comer estupendamente no Restaurante El Gato, visitamos as instalacións da Bodega Palacio de Canedo onde fomos recibidos polo propietario Jose Luis Prada e convidados a unhas copiñas de “Xamprada”.
            E ás 19:30 concerto nunha Igrexa de Santa María ateigada de xente. Principiaron os anfitrións que nos deleitaron con habaneras, cancións bercianas, polifonía litúrxica e remataron cunha moi boa interpretación do tema galego “O voso galo comadre”.
            Nós presentamos un programa ecléctico de polifonía litúrxica, panxoliñas, cantigas galegas, habaneras e folclore internacional e rematamos coa tradicional “Katiusha” co público en pe, entregado e batendo palmas pedindo outra máis E non nos fixemos de rogar: repetimos o “Ave María no morro”.
            Despois da actuación e antes da cea fomos convidados a un clarete Mencía nun dos lugares máis antigos de Cacabelos “La bodega de Niño”,  acompañados polo grupo musical “Alma Jarana”que nos agasallou cuns boleros.
             E despois pantagruélica cea-baile na que non faltaron as cantigas de sobremesa  (co acompañamento da Rondalla Terra del Ouro) nin o viño do Bierzo.
            Moitas grazas aos nosos amigos de Cacabelos e especialmente á súa presidenta Eva Gabaldón por un día que está escrito con letras de ouro na historia da coral. Volveremos!

            E xa estamos cos preparativos do XIV Memorial Pepe Valiña que celebraremos na Igrexa nova de Baio o sábado 16 de decembro ás 9 da noite. Esperámosvos!










lunes, noviembre 13, 2017

Outubro movido

A verdade é que o mes pasado foi moi movidiño e por iso non nos dou tempo a tervos informados como debíamos neste blog.
Principiamos o mes cunha actuación en Luou (Concello de Teo) nun intercambio pola Rede cultural da Deputación de a Coruña nun festival no que ademais dos anfitrións compartimos escenario  co  Orfeao de Loureiro  de Oliveira de  Azemeis (Portugal).  Moita calidade musical e moi bo ambiente no pincheo post-concerto no que non faltou o “Grandola Vila Morena” con Cheíto Lema dando o do de peito.
O 12 de outubro cantamos a misa na Igrexa nova de Baio ao cumprirse o XIII aniversario do pasamento do noso presidente fundador Pepe Valiña.
Xa o domingo 20 de outubro coralistas, familiares e amigos celebramos a tradicional Comida do Coralista na finca que nos ven deixando Emilio Busto no Allo e polo que lle estamos moi agradecidos. Este ano os cociñeiros foron Luis Pérez e Enrique Mel que nos deleitaron cun pantagruélico churrasco.
O último fin de semana deste mes tocou viaxe a terras asturianas. Saímos o sábado pola mañá e despois da xa tradicional visita a Cudillero chegamos a Oviedo onde nos hospedamos no Hotel Gran Regente ao que lle hai que agradecer  o ben que nos trataron. Sidra, comida, paseo, partidas e ás 20:00 cantamos a misa na Basílica de San Juán el Real que estaba ateigada de xente. A coral foi moi felicitada polo párroco e os feligreses por unha eucaristía en latín con temas de Mozart e Haendel moi ben cantada e acompañada ao órgano polas xóvenes pianistas (alumnas da ESMU Pepe Valiña) Alba Blanco e Nuria Vilariño.
Ao remate da misa a Coral, sempre dirixida por Tatiana Pankrátova, participou nun concerto no mesmo templo (con menos xente pois xogaba o Barça…) xunto aos anfitrións da Coral do Centro Asturiano de Oviedo no que se escoitaron cantigas galegas, polifonía litúrxica, canción asturiana, zarzuela e habaneras. Rematamos todos batendo palmas ao ritmo de “Katiusha”.
Como é tradicional despois do concerto pincheo e de volta ao Hotel actuación improvisada na rúa co acompañamento de Xandro Calvo e o seu acordeón.
O domingo foi día de turismo cultural e gastronómico: visita á vila mariñeira de Candás e paseo por Avilés para rematar comendo unha espectacular fabada, pescada á cazola con mariscos, torta de queixo e arroz con leite, regado todo con sidra e rioxa. Parabéns ao Restaurante Casa Lin de Avilés, un luxo a comida e o trato.
E agora en novembro cantaremos en Cacabelos (León) o vindeiro sábado 25 e xa en Nadal celebraremos o Memorial Pepe Valiña na Igrexa Nova de Baio o sábado 16 no que ademáis de nós cantara o Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña, a Coral de Luou e a Coral polifónica de Ferrol.
Gustamos de cantar en Baio e gustamos de levar o nome de Baio e de Zas alá onde imos. E iso non sería posible sen o apoio do Concello de Zas e da Deputación de A Coruña.
Sempre agradecidos!



En Luou (Teo)
Comida do coralista 
Todos repenicados!
En Cudillero as pianistas, o acordeonista e máis
Cantando na Basílica de San Juan el Real de Oviedo
Post concerto no Centro Asturiano de Oviedo
Concerto improvisado na rúa na capital carbayona

lunes, junio 12, 2017

Do XV Encontro de Corais e da Homenaxe a Don Francisco Espasandín







Fin de semana intenso o vivido polas dúas agrupacións polifónicas da nosa AMC Pepe Valiña.
O sábado celebramos en Baio a XV Edición do Encontro de Corais e a Coral Xan Mella cumpría a súa actuación número 200. Unha Igrexa nova ateigada de xente gozou escoitando ás catro corais que participaron na velada: O Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña de Baio, a Coral Ecos de Bergida de Cacabelos (León), a Coral Stella Maris de Nigrán (Pontevedra) e a anfitrioa Coral Xan Mella que pechou a velada co estreo do tema “Chiquitita” de Abba co acompañamento do piano de Nuria Vilariño.
Foi unha velada de gran calidade musical no que sobresaíron as voces máis novas cunha maxistral interpretación do “Ave María” de Caccini e o estreo en Baio da cantiga zulú “Siyahamba” co acompañamento pianístico de Pablo Queiro.
Moitas grazas aos nosos amigos de Cacabelos e de Nigrán aos que esperamos visitar moi pronto.


Xa o domingo as dúas corais participaron na misa homenaxe que lle dedicou o pobo de Baio a Don francisco Espasandín co motivo da súa xubilación cantando unha misa en latín a coral maior e os pequenos estreando unha mextura do “Aleluia” de Haendel co “Aleluia” de Leonard Cohen con arranxos da nosa directora Tatiana Pankrátova.
Ao remate da eucaristía o presidente da nosa asociación loou a figura do crego e agradeceulle todo o que fixo polas nosas corais dende a fundación da nosa asociación agasallándoo  cun xograr peregrino de cerámica de Sargadelos. Rematamos cantando un dos temas máis estimados por Don Francisco: o “Ave María no Morro” de Martíns.
E o domingo que ven a Coral Xan Mella participará na función litúrxica de Corpus na Igrexa de Baio pequeno. A misa serás ás 13:30 horas.

jueves, junio 08, 2017

miércoles, mayo 31, 2017

Éxito do Coro Xoven en Trives (Ourense)












                De éxito total podemos cualificar a participación do noso Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña de Baio no X Certame de Coros infantís e xuvenís celebrado o sábado pasado en Trives (Ourense).
            150 coralistas repartidos en 7 agrupacións participaron neste festival organizado polos anfitrións da Coraliña Cantora co patrocinio da Federación Coral Galega e a Xunta de Galicia e no que os nosos máis novos representaban á provincia de A Coruña.
            O coro, dirixido por Tatiana Pankrátova e acompañado ao piano por Pablo Queiro, foi dos máis aplaudidos do certame e interpretou os temas California Dreamin de The Mamas & The Papas, Maruxiña o teu refaixo e Unha noite no Muíño de Albes Barbosa e o Ave María de Caccini.

            Ao remate todos os coros xuntos cantaron os temas Siyahamba (canción zulú) e Dudabda de Lorenz Maierhofer).

lunes, abril 10, 2017

Do concerto en Pontedeume







Fermoso o concerto do sábado pasado en Pontedeume xunto á polifónica Eumesa e á Coral de Bugallido.
A pesares do pouco público (había que competir co partido do Barça) puidemos escoitar a tres corais que o deron todo para agradar ao respectable.
A coral Santiaguesa destacou pola súa potencia de voces nunha igrexa cunha acústica espectacular e gustou sobre todo a Misa Alemana de Schubert e o Ave María de Caccini.
Os anfitrións agradaron co Stabat Mater de Kodaly e o espiritual negro O señor resucitou.
E nós, sendo a primeira vez que partícipábamos nun encontro de música sacra, presentamos un programa ecléctico e fomos moi apalaudidos co Ave María no Morro e a Salve Rociera.
E despois... un pincheo pantagrúelico e cantigas de sobremesa. Como sempre...
Moitas grazas aos nosos amigos de Pontedeume (especialmente a Xosé Andrés) e aos compañeiros da Polifónica de Bugallido (Ames), aos que esperamos ver moi pronto por aquí.
Neste festival estreamos as novas carpetas de concerto patrocinadas pola empresa Coreti Etiquetas de A Coruña. Moitas grazas a Irene Buján e a Luis Fernandez Vilela.



miércoles, marzo 29, 2017

viernes, diciembre 23, 2016

Do XIII Memorial Pepe Valiña


Despedimos o ano o sábado pasado coa celebración en Baio do XIII Memorial Pepe Valiña coa Igrexa nova ateigada de xente que puido gozar dunha estupenda velada polifónica na que se escoitaron habaneras, cantigas galegas, canción sudamericana, zarzuela, cantigas pop e, por suposto, panxoliñas.
A Coral Acordes de Bueu agradou moito ao público, sobre todo coa interpretación do bolero “Muñequita Linda”.
Gustou moito tamén  o Orfeo de Trives cunha singular posta en escena e foron moi aplaudidos na interpretación do tema “Villancico del canario”.
A nosa Coral Xan Mella abriu a súa actuación cunha panxoliña tradicional e pechou a noite cunha estupenda interpretación da “Ronda de namorados“ da zarzuela “La del Soto del Parral”, acompañada maxistralmente pola pianista Nuria Vilariño. Polo medio a “Salve rociera”, a “Ruada de Chamosa” e a “Habanera de Baio” (o tema máis aplaudido da noite, quizais por levar tempo sen interpretala na casa).
Pero sen dúbida os grandes triunfadores da velada foron os rapaces e rapazas do Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña que, acompañados ao piano por Pablo Queiro, nos deleitaron cunha panxoliña,  o Califormia Dreamins de The Mamas & The Papas  e a cantiga galega “Unha noite no Muíño”. Hai canteira!
Na organización do festival colaborou o Concello de Zas, a Deputación da Coruña, a Parroquia de Santa María de Baio e a FECOGA. Moitas grazas a todos eles e especialmente aos amigos de Bueu e de Trives.

Boas Festas de Nadal para todos!

miércoles, noviembre 30, 2016

Do concerto en Carballo






Fermosa velada polifónica a que puideron escoitar os asistentes o pasado sábado 26 de novembro (case tres cuartos de aforo) no Pazo da Cultura de Carballo no concerto de “Santa Cecilia” organizado pola Coral polifónica de Bergantiños.
Abriu o festival a nosa Coral Xan Mella cun repertorio de polifonía litúrxica, habaneras, canción galega e folclore internacional. O tema máis aplaudido foi a “Habanera de Baio”, con musica de Perfecto Varela e letra do noso presidente Antonio Díaz Amor, quizais por iso da “veciñanza”.
De seguido a Rondalla Estrelecer de Fene (coa que xa cantaramos o sábado anterior en Bueu) fixo gozar aos asistentes con temas folclóricos e galegos acompañados de guitarras, baixo eléctrico e mandolina. Gustou moito a súa versión da cantiga “El vendedor” de Mocedades.
Os máis aplaudidos da noite foron  as rapazas e rapaces bergantiñáns do Coro de Voces Brancas que nos deleitaron con dous espirituais e unha moi fermosa versión da habanera “Torrevieja”. Elas e eles son o futuro, que boa falta nos fai ás corais polifónicas.
Pecharon  o festival os anfitrións da Coral Polifónica de Bergantiños cun programa moi variado e entretido. Do que máis gustou foi o tema “Cançao do mar” de Federico de Brito e Ferrer Trindade.
Despois… Moita festa post-concerto, boas viandas e bo viño e… moitas cantigas de sobremesa.
Moitas grazas aos nosos veciños e amigos da Coral polifónica de Bergantiños (sobre todo a Pepe Fraga e á directora Gloria Pardines) pola boa organización e acollida e tamén aos xa amigos da Rondalla Estrelecer de Fene.

E xa moi pronto celebraremos en Baio o XIII Memorial Pepe Valiña. Será o sábado 17 de decembro na Igrexa Nova ás 21:00 horas coa participación  do Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña, o Orfeón de Trives (Ourense) a Coral Acordes de Bueu ( Pontevedra) e a organizadora Coral Xan Mella.

Animádevos a asistir e a “Darnos a lata”, que serán doadas a Cáritas Parroquial.

martes, noviembre 22, 2016

Do concerto en Bueu



Fantástica a actuación da nosa Coral Xan Mella  o sábado pasado en Bueu (Pontevedra) onde compartimos escenario cos anfitrións da “Coral acordes” e a Coral Rondalla Estrelecer de Fene.
Fomos moi aplaudidos e felicitados polos compoñentes das outras agrupacións  participantes e polo numeroso público asistente, que gozou das tres corais no “Auditorio Centro social do Mar” e que bateu palmas con nós ao compás de Katiusha.
Neste concerto debutou acompañando á coral, dirixida coma sempre Tatiana Pankrátova, a xoven pianista baiesa Nuria Vilariño á que lle auguramos un moi bo futuro no mundo da interpretación.
Non todo foi cantar. Pola mañá visitamos o fermoso lugar de Vilanova de Cerveira (Portugal) onde disfrutamos camiñando polas súas rúas e visitando a súa feira semanal.
Moitas grazas aos nosos amigos da Coral Acordes de Bueu pola boa organización e o bo trato que nos dispensaron e aos que recibiremos en Baio no Concerto de Nadal deste ano.

E este  sábado 26 de novembro participaremos nun concerto de polifonía organizado pola Coral polifónica de Bergantiños para honrar á patroa da música. O evento será ás 21:00 horas no Pazo da Cultura de Carballo.

Para pechar o ano a Coral Xan Mella celebrará o XIII Memorial Pepe Valiña en Baio o sábado 17 de decembro onde tamén participarán o Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña, o Orfeón de Trives (Ourense) e a Coral Acordes de Bueu ( Pontevedra).