Vistas de página en total

lunes, noviembre 13, 2017

Outubro movido

A verdade é que o mes pasado foi moi movidiño e por iso non nos dou tempo a tervos informados como debíamos neste blog.
Principiamos o mes cunha actuación en Luou (Concello de Teo) nun intercambio pola Rede cultural da Deputación de a Coruña nun festival no que ademais dos anfitrións compartimos escenario  co  Orfeao de Loureiro  de Oliveira de  Azemeis (Portugal).  Moita calidade musical e moi bo ambiente no pincheo post-concerto no que non faltou o “Grandola Vila Morena” con Cheíto Lema dando o do de peito.
O 12 de outubro cantamos a misa na Igrexa nova de Baio ao cumprirse o XIII aniversario do pasamento do noso presidente fundador Pepe Valiña.
Xa o domingo 20 de outubro coralistas, familiares e amigos celebramos a tradicional Comida do Coralista na finca que nos ven deixando Emilio Busto no Allo e polo que lle estamos moi agradecidos. Este ano os cociñeiros foron Luis Pérez e Enrique Mel que nos deleitaron cun pantagruélico churrasco.
O último fin de semana deste mes tocou viaxe a terras asturianas. Saímos o sábado pola mañá e despois da xa tradicional visita a Cudillero chegamos a Oviedo onde nos hospedamos no Hotel Gran Regente ao que lle hai que agradecer  o ben que nos trataron. Sidra, comida, paseo, partidas e ás 20:00 cantamos a misa na Basílica de San Juán el Real que estaba ateigada de xente. A coral foi moi felicitada polo párroco e os feligreses por unha eucaristía en latín con temas de Mozart e Haendel moi ben cantada e acompañada ao órgano polas xóvenes pianistas (alumnas da ESMU Pepe Valiña) Alba Blanco e Nuria Vilariño.
Ao remate da misa a Coral, sempre dirixida por Tatiana Pankrátova, participou nun concerto no mesmo templo (con menos xente pois xogaba o Barça…) xunto aos anfitrións da Coral do Centro Asturiano de Oviedo no que se escoitaron cantigas galegas, polifonía litúrxica, canción asturiana, zarzuela e habaneras. Rematamos todos batendo palmas ao ritmo de “Katiusha”.
Como é tradicional despois do concerto pincheo e de volta ao Hotel actuación improvisada na rúa co acompañamento de Xandro Calvo e o seu acordeón.
O domingo foi día de turismo cultural e gastronómico: visita á vila mariñeira de Candás e paseo por Avilés para rematar comendo unha espectacular fabada, pescada á cazola con mariscos, torta de queixo e arroz con leite, regado todo con sidra e rioxa. Parabéns ao Restaurante Casa Lin de Avilés, un luxo a comida e o trato.
E agora en novembro cantaremos en Cacabelos (León) o vindeiro sábado 25 e xa en Nadal celebraremos o Memorial Pepe Valiña na Igrexa Nova de Baio o sábado 16 no que ademáis de nós cantara o Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña, a Coral de Luou e a Coral polifónica de Ferrol.
Gustamos de cantar en Baio e gustamos de levar o nome de Baio e de Zas alá onde imos. E iso non sería posible sen o apoio do Concello de Zas e da Deputación de A Coruña.
Sempre agradecidos!



En Luou (Teo)
Comida do coralista 
Todos repenicados!
En Cudillero as pianistas, o acordeonista e máis
Cantando na Basílica de San Juan el Real de Oviedo
Post concerto no Centro Asturiano de Oviedo
Concerto improvisado na rúa na capital carbayona

No hay comentarios: