Vistas de página en total

miércoles, noviembre 30, 2016

Do concerto en Carballo






Fermosa velada polifónica a que puideron escoitar os asistentes o pasado sábado 26 de novembro (case tres cuartos de aforo) no Pazo da Cultura de Carballo no concerto de “Santa Cecilia” organizado pola Coral polifónica de Bergantiños.
Abriu o festival a nosa Coral Xan Mella cun repertorio de polifonía litúrxica, habaneras, canción galega e folclore internacional. O tema máis aplaudido foi a “Habanera de Baio”, con musica de Perfecto Varela e letra do noso presidente Antonio Díaz Amor, quizais por iso da “veciñanza”.
De seguido a Rondalla Estrelecer de Fene (coa que xa cantaramos o sábado anterior en Bueu) fixo gozar aos asistentes con temas folclóricos e galegos acompañados de guitarras, baixo eléctrico e mandolina. Gustou moito a súa versión da cantiga “El vendedor” de Mocedades.
Os máis aplaudidos da noite foron  as rapazas e rapaces bergantiñáns do Coro de Voces Brancas que nos deleitaron con dous espirituais e unha moi fermosa versión da habanera “Torrevieja”. Elas e eles son o futuro, que boa falta nos fai ás corais polifónicas.
Pecharon  o festival os anfitrións da Coral Polifónica de Bergantiños cun programa moi variado e entretido. Do que máis gustou foi o tema “Cançao do mar” de Federico de Brito e Ferrer Trindade.
Despois… Moita festa post-concerto, boas viandas e bo viño e… moitas cantigas de sobremesa.
Moitas grazas aos nosos veciños e amigos da Coral polifónica de Bergantiños (sobre todo a Pepe Fraga e á directora Gloria Pardines) pola boa organización e acollida e tamén aos xa amigos da Rondalla Estrelecer de Fene.

E xa moi pronto celebraremos en Baio o XIII Memorial Pepe Valiña. Será o sábado 17 de decembro na Igrexa Nova ás 21:00 horas coa participación  do Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña, o Orfeón de Trives (Ourense) a Coral Acordes de Bueu ( Pontevedra) e a organizadora Coral Xan Mella.

Animádevos a asistir e a “Darnos a lata”, que serán doadas a Cáritas Parroquial.

No hay comentarios: