Vistas de página en total

miércoles, junio 22, 2016

Do XIV Encontro de corais en Baio











Coa igrexa nova ateigada de xente, coma sempre, celebramos o pasado sábado en Baio o XIV Encontro de corais que nos servía para pechar a temporada e principiar as merecidas vacacións de verán.
Abriron o festival os máis novos, o Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña de Baio, acompañados ao piano por Lucía Espasandín e trunfaron, coma sempre. Gustou sobre todo a súa versión de “California Dreamins” na súa primeira interpretación en directo.
De seguido a Coral Casa do Mar da Coruña, dirixida por Luísa Armesto, ofreceunos un programa variado de habaneras e canción galega e foron moi aplaudidos sobre todo no tema “Camiño de Caión”.
En terceiro lugar a Coral Fonte do Souto de Culleredo, baixo a batuta de Luciano Lago, cantou unha variedade de temas moi entretidos e nos que interactuou o público acompañando aos coralistas e guiados polo seu simpático director. Gustou moito a interpretación do bolero “Piel canela”.
Para rematar a nosa Coral Xan Mella, dirixida coma sempre por Tatiana Pankrátova, fixo emocionarse ao respectable cunha afiadísima interpretación do “Ave María no Morro” de Martins, unha emotiva “Lela”e a habanera “Paloma mensajera”. Rematamos cantando un tema de zarzuela que presentabamos na casa por primeira vez, a “Ronda de enamorados” da obra “La del soto del parral”, acompañados pola pianista Antía Vidal.
Foi un fermoso e emotivo concerto que nos serviu para homenaxear a dúas persoas queridas. En palabras ditas polo noso presidente “este é un concerto moi especial que o queremos dedicar para lembrar a dúas persoas que hoxe non están fisicamente con nós pero que sempre estarán vivos na nosa memoria. A nosa coralista Elsa Lema e o noso guitarrista Oscar Moya deixáronnos recentemente e choramos en silencio a súa ausencia. Eles sempre estarán con nós nas nosas viaxes, nas nosas cantigas, nos nosos concertos, nas nosas alegrías. Alá onde cantemos, alá onde vaiamos, sempre os teremos presentes e hoxe, dende o alén, seguro que estarán atentos a este encontro de corais: Elsa tarareando as cantigas e Óscar acompañándoas cos seus acordes de guitarra. A eles dous está dedicado o noso concerto de hoxe co noso máis emocionado agarimo”.
Moitas grazas aos nosos amigos herculinos e aos de Culleredo cos que compartimos unha fermosa tarde musical e cos que rematamos cunha pantagruélica cea no que non faltaron as cantigas de sobremesa.

            Grazas tamén ao Concello de Zas e á Deputación da Coruña por colaborar para que fose posible a celebración deste XIV Encontro de Corais.

No hay comentarios: