Vistas de página en total

jueves, noviembre 04, 2010

Do concerto en Mos



O pasado sábado cantamos en Mos (Pontevedra) e saímos cedo de Baio coa intención de parar en Santiago para gañar o xubileu pero (por mor do tempo climatolóxico, rúas cortadas, carreira pedestre, obras e etc.) … o máis cerca que estivemos da catedral foi almorzando uns albariños co amigo Zapatones que presume de ter unha capa de liño galego agasallo de Carme Riveiro e dos Amigos do Liño de Baio. Outra vez será.

A V Xuntanza Coral de Canto Galego “O son dos cantares” encheu de público o mega-auditorio do Multiusos de Mos no que participábamos cinco corais (unha coral portuguesa e catro corais galegas, unha por cada provincia).

No concerto, un pouco longo, todas as corais gustaron moito e foron moi aplaudidas. Pero a nós especialmente nos agradou a polifónica de Ribadeo ( non é por facerlle a pelota ao noso presidente) que coas súas case cincuenta voces nos deleitaron cun programa moi variado do que destacamos a fermosa versión de “Unha noite na eira do trigo”. A coral ribadense ten dez lustros de existencia e é a decana da provincia de Lugo.

A nosa Xan Mella en representación da provincia de A Coruña deixou o pavillón moi alto e fomos moi felicitados tanto polo público como polos demais membros das outras corais participantes (o portugués Orfeao Dr. Joao Antunes de Condeixa a Nova, a Polifónica de Ribadeo, o Orfeón de Trives de Ourense e os anfitrións da Coral O Son dos Cantares). Moi aplaudida foi a nosa interpretación de “Terra Meiga” de Rey Rivero.

Ao remate todas as corais xuntas cantamos o Himno Galego e despois gozamos dunha fermosa velada post-concerto no que principiamos as xestións cos amigos portugueses para tentar de facer outro intercambio e de paso coñecer a fermosa cidade de Coimbra.

Moitas grazas aos compoñentes da Coral O Son dos Cantares pola perfecta organización e amabilidade con todos nós. Unha coral amiga que esperamos ver moi pronto por esta Costa da Vida.

E seguimos ensaiando. A próxima parada da nosa xira será o vindeiro sábado 20 de novembro en O Carballiño (Ourense) alí participaremos, por quinto ano consecutivo, na edición deste ano do Certame en Clave coral seleccionados pola FECOGA e a Xunta de Galicia.

Seguiremos informando.


No hay comentarios: