Vistas de página en total

miércoles, abril 29, 2009

Concerto en Xixón

O vindeiro fin de semana do 9 e 10 de maio a Coral polifónica Xan Mella viaxará a Asturias para participar nun encontro polifónico en Xixón.
O concerto será o sábado 9 na Igrexa de Fátima (Barrio de La Calzada) ás 20:00 hs. e cantaremos xunto ao Ochote Villa de Gijón e a Coral polifónica villa de Jovellanos da que tan gratos recordos temos de cando nos visitou no ano 2007 co motivo do IV Memorial Pepe Valiña.
Como non todo vai ser cantar aproveitaremos para facer un pouco de turismo pola chamada "Capital da Costa Verde": visitar o barrio de Cimadevilla, pasear pola praia de San Lorenzo, sacar unhas fotos no "Cagadoiro de King-Kong" (o "Elogio del horizonte" de Chillida) ,comer fabes, beber sidrina, probar o queixo cabrales,...
E o domingo, á volta, pararemos a comer en Ribadeo onde visitaremos a Praia das Catedrais e faremos un percorrido polo casco histórico da vila onde viviu o Marqués de Sargadelos.
A maiores... durmiremos nun hotel "de película". Xa vos contaremos.

Do concerto en Valdeorras

O sábado pasado viaxamos á Comarca de Valdeorras para participar no Festival de Primavera celebrado no Teatro Avenida da Rua de Petín. Compartimos cartel cos anfitrións do Orfeón Valdeorrés e a Coral palentina de Carrión de los condes.
A pesares de que o auditorio non era moi numeroso (é imposible "competir" co Depor e o Barça) fomos moi aplaudidos, sobre todo nos temas "Ave María no Morro" e no estreo de "Lela" (os dous con arranxos da nosa directora), dos que as outras corais nos pediron copias das partituras.
Despois do concerto... coma sempre: pantagruélica cea cos outros coralistas e acompañantes no que non faltou o bo humor, o excelente viño da comarca de Valdeorras e os cantares de sobremesa co director palentino dirixindo a todos os comensais na interpretación de "Velaivai". Moitas grazas aos anfitrións valdeorreses e moitas grazas tamén aos nosos amigos palentinos cos que quedamos de facer un intercambio coral. Os intercambios corais son... moito máis que música.
Temos que destacar que nesta actuación debutou Suso "Tanara" na corda de tenores; dende aquí dámoslle a benvida á familia da Coral polifónica Xan Mella.
E xa estamos cos preparativos da vindeira actuación que será o sábado 9 de maio na Igrexa de Fátima en Xixón.

domingo, abril 19, 2009

Actuación en Valdeorras

A nosa Coral polifónica Xan Mella viaxará a Valdeorras (Ourense) o vindeiro sábado 25 de abril onde participará nunha xuntanza de corais. Compartiremos cartel coa Coral carrionesa de Carrión de los Condes (Palencia) e os anfitrións do Orfeón Valdeorrés. A actuación será no Teatro Avenida da Rúa de Petín ás 20:00 horas.
Neste Festival de primavera a coral que dirixe Tatiana Pankrátova estreará a obra "Lela" con letra de Castelao e harmonización de J. Dominguéz e a propia Pankrátova.

jueves, abril 16, 2009

O coro e os Amigos do liño

O sábado 18 de abril celébrase en Baio a tradicional Comida do liño (pinchar para ver máis) que este ano cumple a decimoquinta edición. Con esta festa -na que ademais do xantar con migas con chícharos, patacas con bacallau e papas de arroz, o típico que se comía nos días de fiado, haberá desfile de moda de deseñadores que traballan con lino - a Asociación de amigos do liño de Zas, quere recuperar a vella costume do fiado e de todo o que se tecía ao seu redor.
Lembremos que as orixes do cultivo do liño en Galicia son moi antigas e que a industria achegada a esta actividade alcanza a súa plenitude mediado o s. XVIII e nos primeiros anos do s. XIX, período este no que, ademais do liño do país, traballase liño procedente dos países do Mar Báltico, que se desembarca nos peiraos de Ribadeo ( de onde é o noso presidente da AMC Pepe Valiña), Carril e Vigo. Pero, “O liño de Holanda pesa e non anda”, refrán popular co que se quería dicir que non rendía ao ser tecido como pasaba co liño autóctono. Unha vez transformado artesanalmente o liño exportabase a Castilla e América. Os altos impostos de exportación, xunto á competencia do liño manufacturado en Cataluña e Inglaterra fan entrar en crise á industria do liño en Galicia a finais do século XIX aínda que a súa actividade se mantén ata mediados do século pasado relegada ao autoconsumo familiar.
Pero asociacións como a do noso concello seguen mantendo a tradición ensinándonos todo o que ocurría arredor desta fibra natural.
Ensinando e traballando. E boa proba delo son os chales de liño que lucen fachendosas as mulleres da Coral Xan Mella; un fermoso agasallo de Carmen Riveiro, a presidenta dos Amigos do Liño de Zas, tecidos artesanalmente á antiga usanza.
Moitas grazas a Carmen Riveiro e aos Amigos do Liño e moitos parabéns polo traballo que están a realizar pola nosa cultura.