Vistas de página en total

miércoles, abril 29, 2009

Do concerto en Valdeorras

O sábado pasado viaxamos á Comarca de Valdeorras para participar no Festival de Primavera celebrado no Teatro Avenida da Rua de Petín. Compartimos cartel cos anfitrións do Orfeón Valdeorrés e a Coral palentina de Carrión de los condes.
A pesares de que o auditorio non era moi numeroso (é imposible "competir" co Depor e o Barça) fomos moi aplaudidos, sobre todo nos temas "Ave María no Morro" e no estreo de "Lela" (os dous con arranxos da nosa directora), dos que as outras corais nos pediron copias das partituras.
Despois do concerto... coma sempre: pantagruélica cea cos outros coralistas e acompañantes no que non faltou o bo humor, o excelente viño da comarca de Valdeorras e os cantares de sobremesa co director palentino dirixindo a todos os comensais na interpretación de "Velaivai". Moitas grazas aos anfitrións valdeorreses e moitas grazas tamén aos nosos amigos palentinos cos que quedamos de facer un intercambio coral. Os intercambios corais son... moito máis que música.
Temos que destacar que nesta actuación debutou Suso "Tanara" na corda de tenores; dende aquí dámoslle a benvida á familia da Coral polifónica Xan Mella.
E xa estamos cos preparativos da vindeira actuación que será o sábado 9 de maio na Igrexa de Fátima en Xixón.

No hay comentarios: