Poñemos aquí a reseña do Concerto de Nadal III Memorial Pepe Valiña que saíu en
La Voz de Galicia o luns 18 de decembro
Baio polos catro costados
A coral de Ribadeo e máis a local Xan Mella protagonizaron un concerto moi emotivo que serviu como acto navideño e como homenaxe ao falecido José Rojo
Autor de la imagen: ANA GARCÍA (Firma: a. l. Carballo)
A localidade de Baio tivo o sábado pola noite unha boa ocasión para masaxearse o ego nun festival de Nadal que tamén ven sendo unha homenaxe anual a José Rojo, máis coñecido por Pepe Valiña, o fundador de varias entidades da localidade pero, sobre todo, do coro Xan Mella, e que xa morreu.
A igrexa nova da vila estaba ateigada de xente, dun público entregado de antemán. O máis granado da sociedade baiesa estaba sentado nos bancos, nos que nin sequera faltaron os seus intelectuais máis sinalados: Xosé María Lema, Jorge Mira Pérez, Ricardo García Mira ou Xosé María Rei Lema e Ricardo Vigueret, representantes de todas as asociacións do pobo, que últimamente recuperaron o camiño da unidade a través da Faba, que é o acrónimo da Federación de Asociacións de Baio. Tamén se notou un inusitado interese pola música de coral por parte dalgúns dos candidatos ás eleccións municipais.
A ocasión era propicia para escoitar boa música nun bo escenario, o templo diseñado xa hai máis de vinte anos polo arquitecto madrileño José Luis Fernánde del Amo. E non faltaron ata certas dosis de emoción.
Actuou primeiro a Coral Polifónica de Ribadeo e fíxoo ben. Logo interveu a da casa, Xan Mella. Moitos aplausos e tamén algúns bravos, sobre todo con Habanera Salada e con De entrañas da terra , canción composta polo bergantiñán Perfecto Varela para homenaxéar á patria de Enrique Labarta Pose. E para rematar coa apoteose, ámbalas dúas agrupacións interpretaron de forma conxunta Yo quiero ser marinero . E fixérono coma se fosen unha soa. Foron dirixidas neste caso por Tatiana Pankrátova e ao piano estivo Mari Carmen Rodríguez Cancelo, directora da formación luguesa. Máis aplausos prolongados.
Pero non rematou aí o acto. De seguido, o presidente da agrupación Xan Mella, Cándido Fuentes, colleu o micrófono para anunciar que os membros da agrupación tiñan un agasallo para a súa directora: un retrato pintado por Teresa Rojo, irmá do homenaxeado, Pepe Valiña. Un cadro con un corazón ben grande, nos que se ven ben ás claras as cores de Galicia e de Bielorrusia e máis as notas do himno galego.
Todo isto sucedeu na igrexa, porque logo a festa continuou no restaurante Las Cadenas, aberto para a ocasión, e houbo farra e inspiración labartiana ata altas horas da mañá.