Despois das merecidas vacacións regresamos ao traballo e o xoves 4 de agosto a nosa AMC Pepe Valiña- Coral Xan Mella presentou o libro póstumo do noso presidente fundador, José Rojo Valiña, titulado “Sabías que… Baio… e algo máis” nunha Casa Ovidio de Baio que se atopou ateigada de xente coma nos vellos tempos, cando facían ata seis vodas nunha fin de semana. No acto falaron Antonio Díaz Amor (presidente da AMC Pepe Valiña), Cándido Fuentes (amigo do autor e labartiano de pro), Xose María Lema (historiador), Marta Rey (filóloga e editora do libro) e Manuel Muíño (alcalde de Zas).
Foi unha tarde de emocións contrastadas: por unha parte a tristura de non ter presente ao autor do libro e por outra a ledicia de ver o libro publicado, unha obra que deixara inacabada José Rojo Valiña e á que lle deu corpo a filóloga Marta Rey e na que se recolle a historia de Baio no último século, os oficios, os xogos da infancia, galería de baieses ilustres, etc. Tamén recolle o libro a vea máis intima do autor na súa faceta de poeta. Todo elo ilustrado con moito material fotográfico.
Ao remate do acto Olga e Teresa Rojo, irmáns do noso presidente fundador convidaron á directiva da nosa asociación e aos ponentes a unha suculenta cea na que non faltaron as "Ameixas estilo casa Ovidio"(a receita tamén se atopa no libro).
Máis información sobre o libro pincha aquí
Máis información sobre a presentación do libro pincha aquí
O libro "Sabías que...? Baio... e algo máis" atópase á venda en Droguería Reymúndez.
Xa o sábado pola mañá a coral Xan Mella cantou a misa de aniversario no funeral de Roberto de Veloso, filántropo baiés que deixou en herdanza ao pobo de Baio a súa gran biblioteca.
Ese mesmo sábado a polifónica Xan Mella participou no XII Festival de Habaneras de Cee, compartindo cartel coa Coral Airiños de Quenxe de Corcubión e a Coral Neria Costa da Morte. A coral baiesa foi moi aplaudida e felicitada tanto polo numeroso público asistente como polos membros das outras corais, a pesares de celebrarse o recital ao aire libre e cunhas condicións acústicas que deixaban moito que desexar.
O domingo a coral que dirixe Tatiana Pankrátova pechou os actos da Semana Cultural da Carballeira de Zas nun concerto na igrexa da capital do Concello no que se mesturou a canción galega coas habaneras, a música pop e o folclore internacional. A numerosa xente que ateigaba a igrexa emocionouse cos sons da “Habanera de Baio”, vibrou cos ritmos de “California Dreamin” e bateu palmas con moitos folgos ao compás de “Katiusha”.
De remate a coral Xan Mella interpretou o tema “Hasta mi final” co acompañamento da directora ao piano e de Dasha Pankrátova ao violín. Os asistentes despediron á coral postos en pe con numerosos aplausos.
A coral Xan Mella continúa os ensaios preparando as próximas actuacións que serán en Traba (Coristanco), Laxe, Corcubión, Meirás e As Pontes de García Rodríguez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario