Vistas de página en total

miércoles, octubre 08, 2014

Do concerto na Coruña e do Día do Coralista

Coral Casa do Mar da Coruña
Coral Xan Mella
 Coral Fonte do Souto de Culleredo




Fin de semana movidiño o pasado: o sábado cantamos na Coruña no XVIII Encontro de corais que organizaba a anfitrioa Coral “Casa do Mar” e fomos moi aplaudidos e felicitados polas nosas habaneras e polo “Aleluia” de Leonard Cohen acompañados ao piano por Antía Vidal, un tema que está causando sensación aló onde imos. Tamén participou neste encontro polifónico a Coral Fonte do Souto de Culleredo. Moitas grazas aos nosos amigos da coral capitalina e aos de Culleredo, aos que esperamos ter moi pronto por estas terras labartianas.
Xa o domingo nunha fermosa finca do Allo, xentilmente cedida por Emilio Busto, coralistas e familiares celebramos un día de festa e reunímonos, non arredor dunha, senón de tres fermosas e moi deliciosas  paellas que cociñou o noso tenor Suso Tanara xunto á inestimable axuda de Maruja Canay e Julita Reymúndez.
Parte das mulleres cociñaron os entrantes: empanada de bacallau, freixós, canapés de paté de sardiña e outras delicatessen; e outra parte fixéronse cargo dunhas deliciosas sobremesas: buñuelos de crema e nata, roscas de anís, torta de queixo, bicas,chulas…Riquísimo!
Rematou o día coma non podía ser doutro xeito: cos cantares de sobremesa que se alongaron ata case o ocaso. Un bo día de ledicia e confraternización.
E seguimos traballando: o vindeiro sábado 11 cantamos un funeral en Camelle e  o domingo 12 lembraremos ao noso sempre presidente fundador Pepe Valiña na misa das 12 na Igrexa nova de Baio ao cumprirse unha década do seu pasamento.

Seguiremos comunicando.

No hay comentarios: