A nosa Coral polifónica Xan Mella de Baio (Zas-A Coruña) acadou o primeiro premio no “II Festival nacional coral de la Avellana” celebrado en Infiesto (Piloña-Asturias) o pasado fin de semana do 27 e 28 de setembro.A coral que dirixe a profesora Tatiana Pankrátova cos temas Como la flor (popular asturiana), Terra meiga (cantiga galega), Ave María no Morro (brasileira con armonización da propia Pankrátova) e Habanera salada pasou a selección previa e o sábado 27 na Igrexa parroquial de Infiesto compartiu cartel coa coral da Agrupación musical do Rosal (Pontevedra) Coral dos Corrales del Buelma (Cantabria) e coas polifónicas asturianas do Centro Asturiano de Avilés e San Antonio de Xixón.
A coral baiesa foi a única non asturiana que pasou á final xunto ás agrupación de Xixón e Avilés, unha final que se celebrou á tarde seguinte no mesmo lugar.
O xurado - composto por profesionais da música non pertencentes ás autonomías de orixe das corais participantes - valorando a afinación, riqueza expresiva e rítmica, a variedade do programa presentado, a dificultade e complexidade das partituras e o respecto á formulación musical acordou conceder os seguintes premios:
3º premio, avellana de bronce e 600 € á Coral do Centro Asturiano de Avilés
2º premio, avellana de prata e 1.500 € á Coral San Antonio de Xixón
1º premio, avellana de ouro e 2.500 € á Coral Xan Mella de Baio (Zas-A Coruña)
Os integrantes da coral, familiares e acompañantes recibimos o galardón de mans do alcalde do Concello de Piloña entre nervios, ledicia, emocións contidas e humildade; un premio - en palabras do presidente da nosa coral e da A.M.C. Pepe Valiña, Cándido Fuentes – “froito do traballo do día a día tanto de coralistas como da directora que nos convida a seguir esforzándonos pola música coral”.
O certame celebrado en Infiesto é o mellor dotado economicamente dos que se celebran no Principado de Asturias e a el concorren formacións corais de amplo prestixio de toda España. Na edición do ano pasado o coro gañador foi o madrileño Matritum Cantat.
A Coral Xan Mella prepara xa as vindeiras actuacións que serán o 22 de novembro en Padrón e o 29 de novembro en Pontedeume e afánase nos preparativos da quinta edición do Memorial Pepe Valiña que se celebrará en Baio o 20 de decembro.

