Vistas de página en total

lunes, septiembre 29, 2008

Avellana de oro en Infiesto

A nosa Coral polifónica Xan Mella de Baio (Zas-A Coruña) acadou o primeiro premio no II Festival nacional coral de la Avellana celebrado en Infiesto (Piloña-Asturias) o pasado fin de semana do 27 e 28 de setembro.
A coral que dirixe a profesora Tatiana Pankrátova cos temas Como la flor (popular asturiana), Terra meiga (cantiga galega), Ave María no Morro (brasileira con armonización da propia Pankrátova) e Habanera salada pasou a selección previa e o sábado 27 na Igrexa parroquial de Infiesto compartiu cartel coa coral da Agrupación musical do Rosal (Pontevedra) Coral dos Corrales del Buelma (Cantabria) e coas polifónicas asturianas do Centro Asturiano de Avilés e San Antonio de Xixón.
A coral baiesa foi a única non asturiana que pasou á final xunto ás agrupación de Xixón e Avilés, unha final que se celebrou á tarde seguinte no mesmo lugar.

O xurado - composto por profesionais da música non pertencentes ás autonomías de orixe das corais participantes - valorando a afinación, riqueza expresiva e rítmica, a variedade do programa presentado, a dificultade e complexidade das partituras e o respecto á formulación musical acordou conceder os seguintes premios:

3º premio, avellana de bronce e 600 € á Coral do Centro Asturiano de Avilés
2º premio, avellana de prata e 1.500 € á Coral San Antonio de Xixón
1º premio, avellana de ouro e 2.500 € á Coral Xan Mella de Baio (Zas-A Coruña)

Os integrantes da coral, familiares e acompañantes recibimos o galardón de mans do alcalde do Concello de Piloña entre nervios, ledicia, emocións contidas e humildade; un premio - en palabras do presidente da nosa coral e da A.M.C. Pepe Valiña, Cándido Fuentes – “froito do traballo do día a día tanto de coralistas como da directora que nos convida a seguir esforzándonos pola música coral”.

O certame celebrado en Infiesto é o mellor dotado economicamente dos que se celebran no Principado de Asturias e a el concorren formacións corais de amplo prestixio de toda España. Na edición do ano pasado o coro gañador foi o madrileño Matritum Cantat.
A Coral Xan Mella prepara xa as vindeiras actuacións que serán o 22 de novembro en Padrón e o 29 de novembro en Pontedeume e afánase nos preparativos da quinta edición do Memorial Pepe Valiña que se celebrará en Baio o 20 de decembro.

jueves, septiembre 25, 2008

Cartel Festival Avellana


En Infiesto, o vindeiro sábado, participaremos as seguintes corais:
San Antonio de Gijón
Corrales de Buelna (Cantabria)
Centro asturiano de Avilés
Coral do Rosal (Pontevedra)
Xan Mella de Baio

martes, septiembre 23, 2008

Escola de música



A Escola de música da A.M.C. Pepe Valiña convoca unha reunión coa profesora Tatiana Pankrátova para todos os interesados en asistir ás clases para o vindeiro curso 2008-2009.
A reunión será o martes 30 de setembro ás 21:30 horas no Auditorio do Pavillón de Baio.
No novo curso impartiránse clases de iniciación á música, linguaxe musical e piano.
Tfno. de contacto: 650 418 666

sábado, septiembre 20, 2008

Festival en Infiesto


O vindeiro sábado 27 de setembro a nosa Coral polifónica Xan Mella viaxará a Infiesto (concello de Piloña, Asturias) para participar no II Certame nacional de masas corales de la Avellana ,organizado pola Coral polifónica piloñesa Ars Nova
A actuación será ás 18:30 horas na Igrexa parroquial e serán cinco as corais participantes provintes de Cantabria, Galicia e Asturias.
A coral Xan Mella aproveitará esta viaxe de fin de semana para tamén facer turismo cultural (e gastronómico) visitando as vilas de Cudillero, Cangas de Onís e Covadonga.