Vistas de página en total

martes, octubre 17, 2006

O coro na Arxentina




Onte recibimos un agarimoso correo electrónico de Javier Vence ( productor e locutor do programa "Un canto a Galicia" que se emite pola Radio del Pueblo de Bos Aires) comentándonos que no programa especial feito na emisora co motivo da vista que as Asociacións Adro de Baio e Castro Meda de Zas fixeron á capital bonaerense e ao Uruguay fai quince días se poido escoitar o disco da Coral Xan Mella e que foron moitos os fillos de Baio e Zas os que chamaron emocionados á emisora felicitando o traballo dos cantores baieses.
O programa 'Un Canto a Galicia' é unha audición adicada a difusión da cultura de Galicia.Nesta emisión radial pódese escoitar a mellor música da terra galega, ademais da información máis actualizada e diferentes informes sobre a cultura dunha terra milenaria. Tamén comentarios da actividades dos diferentes centros galegos no Río da Prata.Pensado, producido e feito por Javier Vence, conta ademais coa participación especial de Pepe Cobas.
Dende esta bitácora agradecémoslle a Javier Vence que o noso CD soe nas terras de ultramar (non é unha quimera o pensar que algún día nos terán alí en vivo e en directo, estamos a traballar nelo) e mandámoslles unha agarimosa aperta a todos os galegos que están na emigración, sobre todo aos veciños de Baio e Zas que se agrupan na Asociación Hijos de Zas, porque sabemos que están a loitar pola cultura galega no exterior.

lunes, octubre 16, 2006

O concerto da Coruña


Coa sala de cultura do Sporting Club Casino de A Coruña ateigada de persoas - entre as que se atopaba unha moi nutrida representación de baieses que viven na capital herculina - participamos o pasado sábado 14 de outubro (xunto á Coral polifónica do Casino do Carballiño, Ourense) na celebración do XIV aniversario da coral da entidade anfitriona.
A Coral polifónica Xan Mella presentou un programa de dez cancións que foron aplaudidas emocionadamente por un auditorio entendido que viaxou de Rusia á Habana, pasando por Castela e recalando en Galiza coas cantigas dos paisanos de Labarta e se asombrou gratamente da calidade dos matices da coral baiesa, sobre todo nas interpretacións das habaneras Torrevieja e Habanera salada e da canción galega Sonín vai.
Aínda que o digamos nós foi un dos concertos máis completos da nosa coral, tanto en cantidade de temas interpretados como na calidade das interpretacións.

martes, octubre 10, 2006

Concerto no Casino de A Coruña


A Coral polifónica Xan Mella actuará o vindeiro sábado 14 de outubro na Sala de cultura do Sporting Club Casino de A Coruña convidada pola coral da entidade para conmemorar o seu XIV aniversario.
A agrupación que dirixe Tatiana Pankrátova presentará un repertorio que vai dende a polifónía clásica ata as habaneras, sen esquecer a música pop e as cantigas galegas.
O concerto serás ás 20:00 horas.

lunes, octubre 09, 2006

Sobre os chapeos


Moita xente nos ven a preguntar o porqué dos chapeos cos que os homes da coral cubren as súas cabezas antes e despois dos concertos.
A resposta é, ademais de sinxela, moi lóxica. Somos unha coral de Baio e somos unha coral labartiana, e Labarta Pose... ¿quen se imaxina a Labarta sen o seu peculiar chapeo?
Foi o noso presidente fundador, Pepe Valiña, o que principiou a costume de cubrirse a cabeza ao estilo labartiano e os homes da coral, mimética e intelectualmente, foron quen de decatarse de que o chapeo podía ser unha siñal de identidade estética dunha coral polifónica que non se queda só con guiños visuais senón que, din os críticos, destaca pola sua calidade musical.
A foto serve de exemplo visual.
A próxima cita musical será o sábado 14 de outubro no Casino de A Coruña ás 20:00 horas.