
Onte recibimos un agarimoso correo electrónico de Javier Vence ( productor e locutor do programa "Un canto a Galicia" que se emite pola Radio del Pueblo de Bos Aires) comentándonos que no programa especial feito na emisora co motivo da vista que as Asociacións Adro de Baio e Castro Meda de Zas fixeron á capital bonaerense e ao Uruguay fai quince días se poido escoitar o disco da Coral Xan Mella e que foron moitos os fillos de Baio e Zas os que chamaron emocionados á emisora felicitando o traballo dos cantores baieses.
O programa 'Un Canto a Galicia' é unha audición adicada a difusión da cultura de Galicia.Nesta emisión radial pódese escoitar a mellor música da terra galega, ademais da información máis actualizada e diferentes informes sobre a cultura dunha terra milenaria. Tamén comentarios da actividades dos diferentes centros galegos no Río da Prata.Pensado, producido e feito por Javier Vence, conta ademais coa participación especial de Pepe Cobas.
Dende esta bitácora agradecémoslle a Javier Vence que o noso CD soe nas terras de ultramar (non é unha quimera o pensar que algún día nos terán alí en vivo e en directo, estamos a traballar nelo) e mandámoslles unha agarimosa aperta a todos os galegos que están na emigración, sobre todo aos veciños de Baio e Zas que se agrupan na Asociación Hijos de Zas, porque sabemos que están a loitar pola cultura galega no exterior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario