Vistas de página en total

lunes, noviembre 27, 2006

Santa Cecilia



O sábado pasado celebramos a tradicional cea para honrar a patroa dos "cantantes" e outros músicos. Aos postres amenizaron a sobremesa os "Catro tenores de Baio" (Il Droghieri, Il Churrasquieri, Il Pintori e Il Rei) reforzados por unhas cantas voces brancas. Aínda non conseguimos o permiso para subir as fotos ao blog, pero podemos asegurar que pagou a pena.
Hoxe conformámonos con amosarvos a proba do que pode ser o cartel do Concerto de Nadal III Memorial Pepe Valiña que celebraremos en Baio o vindeiro 16 de decembro ás 21:00 horas na Igrexa Nova. O deseño é do de sempre, de Chenchu Martínez.

O artigo desta páxina foi escrito polo noso secretario o ano pasado para La Voz de Galicia co motivo da festividade de Santa Cecilia.

ARA SOLIS
Sufridores

Esta semana os músicos estiveron de celebracións. Houbo concertos, festivais e bombas para celebrar á súa patroa e sei dalgunha asociación musical da bisbarra que o fará en vindeiras datas cunha papatoria de confraternidade na que – estou seguro – non faltarán as cantigas á hora da sobremesa.
Hai dúas teorías de porque Santa Cecilia é a patroa da música: unha conta que o día do seu casamento preferiu apartarse discretamente da xolda e sentar nun recuncho - para cantarlle a Deus, no seu corazón, pedindo que lle axudase - antes que divertirse xunto aos convidados; a outra di que cando a martirizaron para que renegase da súa relixión - levándoa a carón dun forno quente para que se asfixiase cos gases - ela cantou gozosa.
Se me dan a elixir direi que prefiro á Cecilia víctima mais ca mística pois os músicos son mártires por sufridores: por sacrificar horas de lecer para dedicarse a loitar co seu instrumento, polos nervios que se pasan antes dos concertos, por ter que aguantar a profesores stajanovistas, polas malas acústicas dos locais nos que actúan, por viaxes longos e o ter que soportar o frío en inverno e os calores sufocantes da temporada estival tocando baixo toldos que fan dos palcos auténticas tixolas. Hai que amar moito a arte de Euterpe para aceptar resignadamente tanto sacrificio. Ás veces penso que son a encarnación do masoquismo
O ano pasado por estas datas un alumno trombonista chegoume á aula dorido das pernas e cunha faciana mestura de sufrimento e ledicia debido a ter que tocar non sei cantas horas nunha procesión detrás da santa. O compañeiro que sentaba ao seu carón quixo facerse o gracioso e comentou con moito sorna que el non sabía que o trombón se tocara cos pes. Toda a clase riulle o chiste mentres o sufridor me chiscaba un ollo cómplice. Os dous sabíamos que os músicos están feitos doutra pasta.
ANTONIO DÍAZ AMOR

No hay comentarios: