Vistas de página en total

lunes, noviembre 27, 2006

¿Os catro tenores?


Pois xa está aquí a foto. Pero sucede como nos Tres mosqueteiros... que no título eran tres ... pero despois na novela aparecen catro. E aquí son tres na foto... pero na sobremesa... catro tenores. E ven ben que soaron coa do viño albariño, a do cura que vai fora, a da perna que teño aquí e a outra no teu tellado (adicada ao noso bo amigo Manoliño Núñez) e outras máis.
Pero na foto falta Il Pintori Compostelae. ¿Onde estaría?... ¿quizais no "pipi-room"?... Preguntarémoslle a Lobatón.

Santa Cecilia



O sábado pasado celebramos a tradicional cea para honrar a patroa dos "cantantes" e outros músicos. Aos postres amenizaron a sobremesa os "Catro tenores de Baio" (Il Droghieri, Il Churrasquieri, Il Pintori e Il Rei) reforzados por unhas cantas voces brancas. Aínda non conseguimos o permiso para subir as fotos ao blog, pero podemos asegurar que pagou a pena.
Hoxe conformámonos con amosarvos a proba do que pode ser o cartel do Concerto de Nadal III Memorial Pepe Valiña que celebraremos en Baio o vindeiro 16 de decembro ás 21:00 horas na Igrexa Nova. O deseño é do de sempre, de Chenchu Martínez.

O artigo desta páxina foi escrito polo noso secretario o ano pasado para La Voz de Galicia co motivo da festividade de Santa Cecilia.

ARA SOLIS
Sufridores

Esta semana os músicos estiveron de celebracións. Houbo concertos, festivais e bombas para celebrar á súa patroa e sei dalgunha asociación musical da bisbarra que o fará en vindeiras datas cunha papatoria de confraternidade na que – estou seguro – non faltarán as cantigas á hora da sobremesa.
Hai dúas teorías de porque Santa Cecilia é a patroa da música: unha conta que o día do seu casamento preferiu apartarse discretamente da xolda e sentar nun recuncho - para cantarlle a Deus, no seu corazón, pedindo que lle axudase - antes que divertirse xunto aos convidados; a outra di que cando a martirizaron para que renegase da súa relixión - levándoa a carón dun forno quente para que se asfixiase cos gases - ela cantou gozosa.
Se me dan a elixir direi que prefiro á Cecilia víctima mais ca mística pois os músicos son mártires por sufridores: por sacrificar horas de lecer para dedicarse a loitar co seu instrumento, polos nervios que se pasan antes dos concertos, por ter que aguantar a profesores stajanovistas, polas malas acústicas dos locais nos que actúan, por viaxes longos e o ter que soportar o frío en inverno e os calores sufocantes da temporada estival tocando baixo toldos que fan dos palcos auténticas tixolas. Hai que amar moito a arte de Euterpe para aceptar resignadamente tanto sacrificio. Ás veces penso que son a encarnación do masoquismo
O ano pasado por estas datas un alumno trombonista chegoume á aula dorido das pernas e cunha faciana mestura de sufrimento e ledicia debido a ter que tocar non sei cantas horas nunha procesión detrás da santa. O compañeiro que sentaba ao seu carón quixo facerse o gracioso e comentou con moito sorna que el non sabía que o trombón se tocara cos pes. Toda a clase riulle o chiste mentres o sufridor me chiscaba un ollo cómplice. Os dous sabíamos que os músicos están feitos doutra pasta.
ANTONIO DÍAZ AMOR

viernes, noviembre 10, 2006

Actuacións en Cee e Baio


Os próximos concertos da Coral polifónica Xan Mella serán en Cee e Baio.
O 6 de decembro, ás 12:00 horas, actuaremos no salon de actos do Concello de Cee na entrega do Premio Fernando Blanco.
0 16 de decembro, ás 21:00 horas, celebraremos en Baio o tradicional Concerto de Nadal III Memorial Pepe Valiña. A actuación será na Igrexa Nova e contaremos coa Coral polifónica de Ribadeo (Lugo) como agrupación invitada.
O cartel que ilustra esta entrada é o do Concerto de Nadal do ano pasado e é obra do deseñador Chenchu López Martínez, o artista que tamén deseñou a cara da portada do noso CD.