Vistas de página en total

viernes, junio 16, 2006

Curriculum


A Coral polifónica “Xan Mella” de Baio (Concello de Zas) inicia os ensaios no outono de 2002 - sendo o seu xerme o Coro Parroquial da Igrexa de Baio Grande - e debuta en Nadal dese mesmo ano cun pequeno concerto de panxoliñas ( a presentación oficial foi o 27 de xullo do 2003). Das dezaoito persoas que principiaron pasouse á trintena que a compoñen na actualidade (todo un logro se pensamos que a vila de Baio conta con mil cincocentos habitantes) que se veñen afanando en preparar un repertorio caracterizado polo seu eclecticismo heterodoxo: polifonía litúrxica, panxoliñas, folclore internacional, música pop, habaneiras e canción popular galega. A profesora bielorrusa Tatiana Pankrátova é a súa directora fundadora.
A coral estreou en Corpus do 2004 a misa solemne en latín para catro voces mixtas e órgano con temas de Mozart e Haendel para así colaborar dando realce ás principais celebracións litúrxicas da vila labartiana.
Nestes pouco máis de tres anos de existencia son mais de trinta os concertos nos que participou, destacando as actuacións que fixo no 2004 na Igrexa parroquial de Carballo e no II Encontro da canción de Vimianzo e no ano 2005 en A Estrada (Pontevedra), no Festival de habaneras de Corme, no Certame coral de Bembibre (León) e no XIV Encontro de corais de Lorbé (Oleiros).
No ano 2005 é seleccionada pola Deputación de A Coruña para gravar un CD no programa Outra+Outra nos estudos da Fundación Mans-Paideia, o disco saíu en marzo do 2006 e contén catorce temas do seu escollido repertorio acadando un grande éxito de crítica e ventas.
Para contactar coralxanmella@hotmail.com

No hay comentarios: