Coa igrexa nova
ateigada de xente, coma sempre, celebramos o pasado sábado en Baio o XIV
Encontro de corais que nos servía para pechar a temporada e principiar as
merecidas vacacións de verán.
Abriron o
festival os máis novos, o Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña de Baio, acompañados
ao piano por Lucía Espasandín e trunfaron, coma sempre. Gustou sobre todo a súa
versión de “California Dreamins” na
súa primeira interpretación en directo.
De seguido a
Coral Casa do Mar da Coruña, dirixida por Luísa Armesto, ofreceunos un programa
variado de habaneras e canción galega e foron moi aplaudidos sobre todo no tema
“Camiño de Caión”.
En terceiro
lugar a Coral Fonte do Souto de Culleredo, baixo a batuta de Luciano Lago,
cantou unha variedade de temas moi entretidos e nos que interactuou o público
acompañando aos coralistas e guiados polo seu simpático director. Gustou moito a
interpretación do bolero “Piel canela”.
Para rematar a
nosa Coral Xan Mella, dirixida coma sempre por Tatiana Pankrátova, fixo
emocionarse ao respectable cunha afiadísima interpretación do “Ave María no Morro” de Martins, unha
emotiva “Lela”e a habanera “Paloma mensajera”. Rematamos cantando
un tema de zarzuela que presentabamos na casa por primeira vez, a “Ronda de enamorados” da obra “La del
soto del parral”, acompañados pola pianista Antía Vidal.
Foi un fermoso e
emotivo concerto que nos serviu para homenaxear a dúas persoas queridas. En
palabras ditas polo noso presidente “este
é un concerto moi especial que o queremos dedicar para lembrar a dúas persoas
que hoxe non están fisicamente con nós pero que sempre estarán vivos na nosa
memoria. A nosa coralista Elsa Lema e o noso guitarrista Oscar Moya deixáronnos
recentemente e choramos en silencio a súa ausencia. Eles sempre estarán con nós
nas nosas viaxes, nas nosas cantigas, nos nosos concertos, nas nosas alegrías.
Alá onde cantemos, alá onde vaiamos, sempre os teremos presentes e hoxe, dende
o alén, seguro que estarán atentos a este encontro de corais: Elsa tarareando
as cantigas e Óscar acompañándoas cos seus acordes de guitarra. A eles dous
está dedicado o noso concerto de hoxe co noso máis emocionado agarimo”.
Moitas grazas
aos nosos amigos herculinos e aos de Culleredo cos que compartimos unha fermosa
tarde musical e cos que rematamos cunha pantagruélica cea no que non faltaron
as cantigas de sobremesa.
Grazas
tamén ao Concello de Zas e á Deputación da Coruña por colaborar para que fose
posible a celebración deste XIV Encontro de Corais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario