A AMC Pepe
Valiña-Coral Xan Mella celebrou asemblea xeral ordinaria onde fixemos balance
do ano 2012 e presentamos o proxecto de actividades para este ano 2013. A
asemblea referendou a Antonio Díaz Amor como presidente, que seguirá no cargo
catro anos máis coa actual xunta directiva.
A Coral Xan Mella no 2012 tivo un
total de 13 actuacións das que 7 foron fora de Baio, destacando as celebradas en
Noia, Curtis, Vimianzo, Muxía e Vegadeo (Asturias). Unha coral que cumpriu dez
anos de vida e que foi galardoada co Premio Nordés das Artes e que o ano pasado
fixo de anfitrioa do Encontro de Corais da Costa da Morte que patrocina a
asociación Neria e que logrou contar para tal evento cun total de 7 corais da
bisbarra, algo nunca visto por estas voltas.
Para o 2013 a Coral ten
preparadas, polo de agora, actuacións en Carballo, Pontedeume, Ribadeo (Lugo) e
Arbo (Pontevedra) e celebrará o 15 de xuño o XI Certame de corais en Baio e xa
en Nadal, o 14 de decembro, o X Memorial Pepe Valiña.
A Escola de Música da Asociación
Pepe Valiña segue a ser un referente na bisbarra impartindo clases de linguaxe
musical e piano a máis de corenta alumnos baixo a dirección de Tatiana
Pankrátova, tamén fundadora da Coral Xan Mella.
Este ano 2013 a asociación
volverá a celebrar a tradicional Cachela de San Xoán o domingo 23 de xuño onde
haberá sardiñas e boroa de balde.
Rematou a asemblea cunha
pantagruélica cea, cun menú a base de canapés bielorrusos e carne asada por
“Maruja de Costa,” que se prolongou ata altas horas da madrugada na que non
faltaron as cantigas de sobremesa.
A vindeira actividade da AMC Pepe
Valiña será a presentación da novela “Costa do Solpor” de Xosé María Lema, o
venres 22 de marzo ás 21:00 horas no Auditorio do Pavillón de Baio
No hay comentarios:
Publicar un comentario