Vistas de página en total

martes, diciembre 18, 2012

Do Concerto X Aniversario-IX Memorial Pepe Valiña

Coral de Bergantiños (Carballo)
Coral de Ribadeo (Lugo)
Coral Xan Mella de Baio
De impresionante podemos calificar o IX Memorial Pepe Valiña que celebramos o pasado sábado na Igrexa nova de Baio e no que tamén  conmemorábamos unha década da nosa Coral Xan Mella.
A elección das dúas corais que nos acompañaron non foi gratuíta: cando aló polo outono do 2002 o sempre lembrado Pepe Valiña e Tatiana Pankrátova  idearon o proxecto de formar unha agrupación polifónica en Baio viron nas corais de Bergantiños e Ribadeo un espello no que sería moi interesante reflectirse. E... ata agora.
Por elo, dende a nosa humildade e cunha filosofía coral xa propia, queremos agradecerlles ás súas directoras (Gloria Pardines e  Mª del Carmen Rodríguez Cancelo) a súa axuda.
"Moita calidade musical" dicían algúns, "Nunca tan boas cantigas se escoitaron en Baio" dicían outros.
Principiou a Coral Carballesa potente ao tempo que moi afinada e o públicou gustou sobre todo dos temas "Coloradiña" e "Chiquitita"; a coral de Ribadeo, decana da provincia de Lugo con máis de cincoenta anos de experiencia, foi moi aplaudida nas cantigas "Navidad" e "Unha noite na eira do trigo" e sobre todo co tema "Hallelujah" de Leonard Cohen con Carmen Rodríguez Rodríguez de solista e Carmen Álvarez Lebredo ao piano.
A nosa Coral Xan Mella (que estreaba chales e ·pajaritas· de liño bermello agasallos de Carmen Riveiro e os Amigos do Liño ), dirixida coma sempre por Tatiana Pankrátova, pechou o concerto principiando coa panxoliña "Sobre la noche reina", (unha cantiga que xa cantara no seu concerto de presentación o 29 de decembro do ano 2002). Do máis aplaudido o "Hijo de la luna" de Mecano (aguantando moi ben os tonos e os tempos) e a habanera "Jardín de ensueño". De remate, e xa para pechar a velada, o público bateu palmas con ganas ao ritmo de "Katiusha" (que é a forma tradicional que temos en Baio de rematar o Concerto de Nadal) e despediunos postos en pe.
Tres corais que o deron todo cun repertorio moi variado. Escoitamos cantigas galegas, panxoliñas, boleros, habaneras, folclore africano e sudamericano, música pop e temas de zarzuela.
Despois pantagruélica cea no comedor do Colexio Labarta Pose (xentilmente cedido pola súa comunidade educativa) cun menú a base de "canapés estilo bielorruso", sopa de mariscos e pescado de Maruja de Costa e callos cociñados por Isabel do Muiño. Non faltaron a torta de aniversario nin as cantigas de sobremesa.
Moitas grazas aos nosos amigos das corais de Bergantiños e de Ribadeo. Foi unha velada inolvidable.

No hay comentarios: