O pasado venres celebramos asemblea xeral da AMC Pepe Valiña-Coral Xan Mella para facer balance do acontecido no 2010 e presentar os proxectos para este ano 2011 que acaba de principiar.
Estamos moi satisfeitos das 21 actuacións realizadas pola Coral Xan Mella (dirixida dende a súa fundación pola profesora Tatiana Pankrátova) o ano pasado, das que 7 se celebraron na nosa vila e 14 fora de Baio; e temos que destacar, sobre todo, a Misa na Catedral da Almudena e o concerto no Centro Galego de Madrid, así como o participar no Concerto de presentación do primeiro disco do Coro polifónico de Entenza de Salceda de Caselas (Pontevedra), cantar no XV Certame de Habaneras de Rianxo e tamén na V Xuntanza coral de canto galego: o son dos cantares en Mos (Pontevedra) representando á provincia de A Coruña. Tamén fomos seleccionados, por quinto ano consecutivo, para a Mostra En Clave Coral que organiza a FECOGA e a Xunta de Galicia, concerto que se celebrou no Carballiño (Ourense).
Na nosa vila celebramos, como é tradicional, dúas xuntanzas de corais nas que tivemos a oportunidade de escoitar á Coral do Rosal (Pontevedra), Coral do Liceo de Noia, Coro de Mulleres de Vilaboa e á Coral de Malpica. Dous festivais nos que a Igrexa nova de Baio volveu quedar pequena.
O 2010 foi o ano da gravación e presentación do noso segundo CD titulado “De entrañas da terra”, un traballo do que quedamos moi satisfeitos e que está a gustar moito.
Para este ano 2011 hai xa apalabradas case unha ducia de actuacións, polo de agora, que nos levarán a Beluso-Bueu (Pontevedra), ao Concello de Teo, a Laxe ou a Muxía, entre outras, e de novo cantaremos na viciña Lusitania, esta vez en Lisboa convidados polo Coro Ad Divitias do Instituto Nacional de Estadística.
En Baio celebraremos neste 2011 o 18 de xuño o IX Encontro de Corais e o 17 de decembro a oitava edición do Concerto de Nadal Memorial Pepe Valiña.
Como non podía ser doutro xeito a asemblea rematou cunha pantagruélica cea cociñada por Olga e Teresa Valiña (as irmáns do noso lembrado presidente fundador) no que non faltaron as cantigas de sobremesa.
Seguiremos informando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario