Vistas de página en total

lunes, diciembre 20, 2010

Do Concerto de Nadal VII Memorial Pepe Valiña





A pesares do frío a Igrexa nova de Baio volveu quedar pequena para acoller o Concerto de Nadal VII Memorial Pepe Valiña celebrado o pasado sábado.
Abríu a velada o Coro de Mulleres de Vilaboa dirixido por Antonio Piñeiro. Era a primeira vez que un coro formado so por voces de muller actuaba na nosa vila e abofé que gustaron moito (a pesares de vir con media ducia de baixas) sobre todo a "Jota baturra" e o remate coa cantiga galega "Lévame" no que o público colaborou batendo palmas.
En segundo lugar actuou a Coral de Malpica baixo a batuta de Carlos Fidalgo. Moi aplaudida foi a súa interpretación do tango "Caminito" e agradecido quedou o público co agasallo do final cun Nadal moi, pero que moi polifónico.
Os anfitrións pechaban un ano especial, no que gravaron o seu segundo disco, e deixaron o pabillón moi alto. A xente volveu gozar coa interpretación de "Hijo de la luna" e a "Habanera de Baio" e o estreo do tema "Hasta mi final" (co coro acompañado ao piano pola directora Tatiana Pankrátova e ao violín por Dasha Pankrátova) fixo emocionarse a un auditorio entregado coa coral baiesa. Pincha aquí.
Se en Viena para rematar a xente participa coa marcha Radetzky en Baio xa é tradicional rematar o Concerto de Nadal coa Coral Xan Mella cantando "Katiusha" e co público en pé batendo palmas ao compás do tema ruso.
Despois pantagruélica cea no que non faltaron as cantigas de sobremesa.
Moitas grazas aos nosos amigos de Vilaboa e de Malpica e Felices Festas para todos e un próspero e musical 2011.

No hay comentarios: