Vistas de página en total

martes, mayo 01, 2018

En Portugal: éxito total

A Coral Xan Mella participou este pasado fin de semana no III Encontro Internacional de Coros na vila portuguesa de Oliveira de Azemeis convidada polo Orfeao de Loureiro e no que tamén cantou a Coral Calçada Romana de Alqueidao da Serra de Porto de Mós.
O sábado saímos cedo de Baio e despois das habituais paradas en ruta acomodámonos no Hotel Dighton (moi recomendable) para despois repoñer forzas no Restaurante don Filipe a base de Bacalhau frito á liberdade, un auténtico manxar.
Pola tarde fomos recibidos na Sede da Junta da Freguesía de Loureiro onde despois dos parlamentos e agasallos de rigor convidóusenos a unha copiña de porto e a un anaco de regueifa para ir “quentando voces”.
O concerto celebrouse nun Auditorio do Centro de Negocios de Oliveira ateigado de xente e cunha acústica que brillaba pola súa ausencia. Así todo a nosa coral baiesa foi moi aplaudida e felicitada polo público presente e os compoñentes das outras corais despois de cantar un variado programa de polifonía litúrxica, folclore internacional, pop, habaneras e cantigas galegas. Ao remate, e xa cando os baieses se retiraban do escenario, o público púxose en pe pedindo outra e a directora Tatiana Pankrátova mandou cantar un bis que non foi outro que “Katiusha” co auditorio batendo palmas. Outro éxito dunha coral orgullosa de levar o nome de Baio e do Concello de Zas alá onde vai.

Ao remate o Presidente da Cámara Municipal de Oliveira entregounos un presente do seu Concello e o presidente da nosa asociación fíxolle entrega dun prato de Sargadelos co escudo de Zas que lle enviaba o noso alcalde Manuel Muíño escusando a súa ausencia.
Non faltou a festa post-concerto con moitas viandas e doces, moito viño do Douro e moitas cantigas.
Grazas aos nosos amigos de Porto de Mós e de Loureiro, especialmente a Margarida e Manuel, aos que esperamos ver e escoitar moi pronto por Baio.
Xa o domingo o dedicamos a turismo cultural e gastronómico a visitar a vila de Aveiro, comer no Restaurante lusovenezolano de Nogueira da Reguedoura e pola tarde pasear pola fermosa cidade de Porto.

Na organización desta viaxe-concerto colaboraron a Deputación de A Coruña e o Concello de Zas.
A Asociación Pepe Valiña-Coral Xan Mella segue traballando: o próximo evento será a organización do XI Festival de coros infantís e xuvenís da FECOGA o sábado 12 de maio ás 7 da tarde na Igrexa nova de Baio. Xunto ao Coro Xoven da ESMU Pepe Valiña participarán tres corais máis, unha por cada provincia galega.
Seguiremos informando.


No hay comentarios: